Sunday 05 de May de 2024

Cambre presenta a nova estratexia da súa programación cultural


O alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, e o concelleiro de Cultura, Daniel Carballada, presentaron hoxe a programación cultural de Primavera que pensan asentar durante todo o ano.

O alcalde destacou o bo labor levado a cabo pola concellería de Cultura, que logrou diversificar a oferta cultural para todos os públicos para que todas as fins de semana haxa actos durante todo o ano.

Segundo o edil de Cultura, o importante foi crear unha programación máis diversa, orientada a todas as idades pero cuns horarios que teñen que permanecer no tempo, “para que todos os cambreses saiban o que hai cada venres, sábado ou domingo e a unhas horas concretas”.

Destaca o ciclo de cinema que haberá cada venres ás 21.00 horas, que comezou con películas galegas e de cinema de autor, aínda que se terán en canta as achegas dos veciños para un cinema máis comercial.

Tamén serán relevantes os sábados co programa Sabadabadú, unha actividade que se desenvolverá ás 18.00 horas con actos dirixidos aos máis pequenos como xogos, maxía, obradoiros ou teatro que esperten a curiosidade pola cultura ou pola ciencia.

Todas as actividades terán unha duración dunha hora e media e tamén están deseñados para aumentar a conciliación da vida familiar: para que pais e nais saiban que os seus fillos estarán ben coidados durante ese tempo de lecer.

En canto a programación dirixida a adultos, a concellería deseñou unha serie de actividades como teatro, coloquios, teatro o un recitais poéticos para os domingos ás 20.00 horas.

O concelleiro destacou que pretende que esta programación sexa un referente inclusivo e progresista polo que nesta ocasión, coincidindo coa conmemoración do Día LGTBI, programouse unha serie de actividades orientadas á visibilidade e a igualdade plena deste colectivo entre as que destacan unha charla-coloquio, unha obra teatral ou proxeccións cinematográficas.